Din as lendas que a corrida do Boi tivo a súa orixe nunha malfeitoría da colonia xudía que vivía na parte da vila que recibía o nome de Socastelo. Parece que os xudeus deran na teima de atrapalla-la celebración pacífica da procesión do Corpus, saíndo ó seu encontro cando as imaxes e o cortexo dos fieis se acercaba ó Socastelo, camiño da igrexa de Santo Estevo. Insultaban á xente, facían mofa das imaxes e dos símbolos relixiosos, metíanse cos curas e cos monagos, e todo remataba de mala maneira. Non se podía dicir que houbera mortos, pero feridos habíaos a eito.
Aquilo tíñase que gobernar, pero niguén sabía como. Entón é cando aparece Xan de Arzúa, home de conviccións relixiosas, ó que lle molestaba profundamente o comportamento dos xudeus, por iso, e para pór fin a este, decidiú saír un ano ó lombo dun robusto touro enmaromado e suxeitado polos seus criados que ían provistos de sacos con formigas e cinza para tirar á cara dos xudeus irrespetuosos, que ó ve-la actitude decidida deste home desistiron na súa.